Unha vida de mar a mar

Dunha humilde familia de Rianxo, con dez anos emigra coa nai xunto ao seu pai, á Pampa arxentina. Cando exiliado falece en Buenos Aires, con 64 anos, Castelao era recoñecido como grande artista e escritor, sendo o máximo representante político de Galiza, sometida á ditadura franquista. Considerado un símbolo de Galiza, foi enterrado no exilio coas honras propias dun Xefe de Estado. Polo labor cultural e político, pola súa ética e pola entrega a defensa do pobo galego foi trasladado ao Panteón de Galiza, en Santiago.

«Teño moita fe na ria de Arousa e teño certo orgullo en ser de Rianxo; coido que ollando as cousas desde aí teñen de sair moitos artistas»
CASTELAO DIXIT
neno

»» Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nace en 1886 en Rianxo, vila da ría de Arousa. O seu pai, veleiro de profesión, emigra á Arxentina aos tres meses do nacemento do fillo, que non volverá a ver até 1896, cando a familia se reúna de novo na Pampa, na localidade de Bernasconi, onde teñen un almacén de campaña.

parella

»» Toda a Familia volta a Galiza en 1900 e Castelao estuda bacharelato e logo cursa a carreira de Medicina en Santiago de Compostela, casando en 1912 con Virxinia Pereira. A vida en común prolóngase 38 anos, até o pasamento do rianxeiro.

gandules

»» Entre 1910 e 1914 mergúllase na loita pola rexeneración política de Rianxo, que encabeza o seu pai Mariano, e vai ser un dos redactores de El Barbero Municipal, retratados nesta fotografía na que Castelao aparece á esquerda. Neste xornal publica dezaseis debuxos que emprega como arma política.

en Pontevedra

»» Desde 1916, Castelao reside coa súa dona, Virxinia Pereira, en Pontevedra, despois de gañar unha praza no corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estatístico, sendo tamén profesor auxiliar de debuxo no Instituto. En 1928, con catorce anos, falece de neumonía o seu fillo Alfonso, no centro da fotografía, con lentes, entre os alumnos da Academia Poza de Pontevedra.
Foto de Pintos, cortesía do Museo de Pontevedra.

escaleras

»» A súa evolución política lévao primeiro ao rexeneracionismo e ao agrarismo. En 1916 xorden as Irmandades da Fala ás que se suma el en Pontevedra en 1917. A xeración de 1916 é un proxecto político nacionalista que terá continuidade co Partido Galeguista en 1931. Na fotografía, tirada en Vigo en xullo de 1930, aparece na primeira fila, entre outros galeguistas.

xeracion

»» Cultura e política andan sempre mesturadas nas angueiras de Castelao e dos seus compañeiros. En 1920 publícase a revista literaria Nós, en Ourense, na que o rianxeiro colabora e exerce de director artístico, xunto a Vicente Risco, director literario. A publicación dá nome a toda a unha xeración de intelectuais. Na fotografía: reunión do Seminario de Estudos Galegos, institución creada en 1923.

mono

»» A crecente participación na vida pública, as súas dotes oratorias e a súa popularidade deciden a súa elección como deputado en Cortes en 1931. Desde entón, a súa actividade vai ser decisiva na consecución do Estatuto de Autonomía de Galiza, aprobado en plebiscito en 1936. Pasados vinte días, os fascistas álzanse en armas. No debuxo: Castelao por Carlos Maside no ano 1930.
Cortesía da familia Maside.

selo

»» En 1936, Guerra Civil colle a Castelao como deputado en Madrid onde fora presentar o resultado do Estatuto de Autonomía de Galiza. Desde alí, desde Valencia ou desde Barcelona, vai participar na loita contra o golpe militar e contra fascismo e no labor de propaganda e de defensa da República, publicando os tres álbums de debuxos da guerra. Do debuxo A derradeira lección do mestre, sae este selo de correos da República.

pancarta

»» Exiliado en Nova York desde 1938, a súa actividade a prol da República lévao a viaxar polos Estados Unidos, Cuba e a Unión Soviética. O desterro levouno a Buenos Aires en 1940. Presidente do Consello de Galiza desde 1944, será nomeado ministro do Goberno da República no exilio, residindo en Francia de 1946 a 1947. No centro da foto, Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira.

caretas

»» O seu compromiso político reduciu o seu labor artístico e literario durante o exilio. Con todo, en 1941, estrea en Buenos Aires a obra de teatro de máscaras Os vellos non deben de namorarse.

rua

»» Castelao faleceu dun cancro de pulmón o 7 de xaneiro de 1950 en Buenos Aires. É o primeiro nacionalista galego morto no exilio. Na fotografía: concentración de persoas diante do Sanatorio do Centro Galego, en Buenos Aires, o día do seu pasamento.

unha ducia de carrozas

»» Unha ducia de carrozas acuguladas de flores e moitísimos carros particulares paralizaron o tránsito da Avenida Belgrano de Buenos Aires. O día 9 de xaneiro de 1950 o cortexo fúnebre dirixiuse ao cemiterio da Chacarita e no Panteón do Centro Galego foi soterrado Castelao coma o líder dun pobo. Os seus restos foron trasladados a Santiago en 1984, repousando no Panteón de Galicia en Bonaval.